Ex alcaldes - Non Alcaldables
- Manuel Couce
- Xaime Bello
- Juan Juncal
- Vicente Irisarri
Manuel Couce Pereiro, nado en Ferrol en 1935.
Alcaldía: 1989 – 1991 e 1991-1995
Traballador do estaleiro de Bazán, foi delegado sindical, secretario do comité de empresa e secretario comarcal da UGT na comarca de Ferrol. Militante do PSdeG-PSOE, nas eleccións galegas de 1981 foi elixido deputado do Parlamento de Galicia e volveu ser elixido nas de 1985. Concelleiro en Ferrol, foi elixido alcalde en 1989 logo dunha moción de censura contra o seu curmán, o alcalde de AP Alfonso Couce Doce, cos votos do seu propio partido, xunto cos de EU-IU e un tránsfuga de AP. Logo das municipais de 1991, nas que foi elixido alcalde de Ferrol Mario Villaamil, unha nova moción de censura converteuno de novo en alcalde ata 1995. Nas xerais de 1993 foi elixido deputado pola provincia da Coruña no Congreso. En 1996 abandonou a actividade política.
Xaime Bello Costa, nado en Ferrol en 1950.
Alcaldía: 1999 - 2003
Militante do Bloque Nacionalista Galego, gobernou durante o seu mandato en pacto xunto ao PSdG-PSOE, tendo por tenente de alcalde ao tamén ferrolán, Bonifacio Borreiros.
Durante o seu goberno municipal, e por expresa vontade da maioría da cámara municipal de Ferrol, o 4 de xullo de 2002 tivo lugar a retirada da estatua ecuestre do ditador Francisco Franco.
Juan Manuel Juncal Rodríguez, nado en Ferrol en 1958.
Alcaldía: 2003 - 2007
Economista e auditor de contas. Foi alcalde de Ferrol dende o ano 2003 ata 2007, polo PPdG, ostentando o cargo de presidente provincial do mesmo partido. Foi deputado do Parlamento de Galicia 1997-2001 e de 2001-2003.
Os seus períodos no Congreso dos Deputados foron do 2015 – 2016 e do 2016-2019 e no Senado (2008 -2015). Nas Xerais de novembro de 2019 volveu ser elixido senador.
Vicente Luis Irisarri Castro, nado en Vigo en 1951.
Alcaldía: 2007 - 2011
Enxeñeiro naval. Desempeñou o cargo de presidente de Portos de Galicia, ente público adscrito á Xunta de Galicia, dende onde participou na planificación e xestión do sistema portuario galego. Exerceu como director da empresa Fenya e tamén da cooperativa Passco e foi presidente da Xunta do Porto de Ferrol (hoxe Autoridade Portuaria).
Surfista recoñecido dende os anos setenta, fundou o Océano Surf Club, o primeiro club de surf de Galicia, e a competición internacional Pantín Classic, na que segue a participar.
No seu mandato corporativo asinou un pacto de gobernabilidade con Esquerda Unida-Izquierda Unida (EU-IU), pacto que foi rachado en 2008, momento no que os socialistas afrontaron o goberno da cidade en minoría.